O noso centro
O Instituto de Formación Profesional (IFP) de Curtis abriu as súas portas no curso 1981/82. No seu primeiro ano, 168 alumnos e alumnas procedentes dos concellos da contorna cursaron as ensinanzas de Formación Profesional de primeiro grao nas ramas Administrativa e Comercial, Automoción e Electricidade.
Logo de sete anos impartindo Formación Profesional, é no curso 88/89 cando a oferta do centro abre un novo camiño ao instaurarse por vez primeira as ensinanzas de BUP. Nace así o que durante un tempo se chamou Instituto de Educación Secundaria e Profesional (IESP) de Curtis.
No ano 1990 aprobouse a LOXSE, lei de educación que extendeu o ensino obrigatorio ata os 16 anos e que supuxo un cambio de enorme envergadura na estrutura do sistema educativo. O IESP de Curtis foi escollido como centro piloto para impartir ESO e Bacharelato e, deste xeito, prodúcese a entrada de 3º de ESO no curso 1992/93. Así, son estes anos nos que os cambios acontecen curso tras curso coa extinción no curso 97/98 de toda a Formación Profesional.
Coa aparición dos ciclos formativos no 97/98, comeza unha modificación continua da oferta educativa destes que segue a día de hoxe e que ten previsto continuar no futuro debido á expansión da actividade económica da contorna. Xunto a estes cambios, hai outros dous que aconteceron no curso 1999/2000 e que van ter unha presenza fundamental a día de hoxe: Por un lado, o centro adquire o nome actual de Instituto de Ensino Secundario (IES) de Curtis e, por outro, ponse en funcionamento o novo edificio.
Estes cambios sufridos polo centro viñeron acompañados doutros cambios que sufríu a economía da zona. Nos últimos anos foron moitas as explotacións gandeiras que se viron na obriga de pechar, e, froito disto, desencadeouse un transvase de poboación das aldeas ás vilas. Isto acarreou modificacións no perfil do noso alumnado, posto que xa non é maioritariamente do rural, senón que se socializa no espazo semiurbano.
Actualmente, o noso centro é unha institución educativa consolidada onde cursan os seus estudos arredor de 395 alumnos e alumnas neste curso 2025/26, aos que se lles ofrece unha oferta variada e que seguirá variando acorde ás necesidades da contorna, na busca de formación para un mantemento e desenvolvemento do noso rural. Preto de 60 profesionais traballan a diario para levar a cabo este labor, sempre coa mirada posta na educación integral das persoas e con plena conciencia da importancia enorme e crecente que a formación ten na sociedade do presente e do futuro.
Coma o vento, avanzamos.
Onde estamos
Dirección: Rúa Germán de Castro s/n – Curtis
CP: 15310
Telf: 881 880 620
Fax: 881 880 629
mail: ies.curtis@edu.xunta.gal
Estes, ademais, son os datos da secretaría do centro