Durante o curso 2023-2024 fíxose un proxecto de colaboración entre o IES de Curtis e a granxa familiar ecolóxica Casa Grande de Xanceda, situada en Mesía. Decidimos instalar unha cámara web e facer o seguimento da cría en directo dunha fermosa ave rapaz, o lagarteiro común (Falco tinnunculus), ao máis puro estilo “Gran Hermano”, durante a tempada de cría 2024.

Como xurdiu a idea? Grazas á implicación do profesorado do centro educativo que participa no programa Voz Natura, un programa de educación medioambiental de La Voz de Galicia desenvolto pola Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre desde o curso 1997-1998. 

Nesta ocasión o tema central de Voz Natura era o coñecemento e a protección da fauna e flora autóctonas. Polo tanto, pareceunos a ocasión ideal para propoñer un proxecto así, que busca un mellor coñecemento dunha especie autóctona da nosa fauna, como é o lagarteiro común, coa finalidade de protexelo. Coñecer mellor a bioloxía desta ave poderá contribuír tanto á súa propia conservación como á dos hábitats que ocupa. É o mellor agasallo que podemos recibir desta labor de divulgación e conservación.

Os pasos do proxecto, foron, moi resumidos:

  1. Construímos unha nova caixa niño para unha das parellas de lagarteiros comúns que vivían na granxa, co tamaño suficiente para albergar a cámara sen molestias para as aves.
  2. O alumnado de 1º CM de Sistemas Microinformáticos e Redes, guiados polo profesorado implicado no proxecto, e axudados polos operarios da granxa, encargouse da posta en marcha e instalación da webcam. Habilitouse unha canle de Twtich do IES, https://www.twitch.tv/iescurtis, na cal se retransmitiu en directo o interior da caixa, case sen interrupción, desde o 19 de decembro de 2023 ata finalizar a tempada de cría en xullo de 2024.
  3. O seguemento nas redes foi moi grande, con clips sobre a vida dos lagarteiros que acumularon máis de 1000 reproducións! A repercusión mediática resultou ser impresionante. A nova ata saiu na televisión e en varios canles de prensa escrita e dixital.
  4. O éxito foi maiúsculo xa que a parella sacou adiante con éxito a 4 dos 6 poliños que naceron no niño.

Aquí vos deixamos algunhas das imaxes dos lagarteiros: