Xaneiro – Coñecemos o CERN

Na imaxe aparece o maior laboratorio de investigación en Física de partículas a nivel mundial, localizado en Suíza, preto de Xenebra e da frontera con Francia, o CERN. Fundouse en 1954 e as súas siglas prodecen do seu primeiro nome oficial provisional Conseil Européen pour la Recherche Nucléaire, que data de 1952 cando se acordou o seu establecemento.

Este centro de investigación conta cunha serie de aceleradores de partículas entre os que destaca o, xa desmantelado, LEP (Large Electron-Positron Collider, Gran Colisor Electrón-Positrón). No seu lugar construíuse o LHC (Large Hadron Collider, Gran Colisor de Hadróns), un acelerador protón-protón que opera a maior enerxía e luminosidade (prodúcense máis colisións por segundo) de 27 km de circunferencia e que constitúe a máquina máis grande xamais construída. Este incremento en enerxía e luminosidade permitiu descubrir o esquivo bosón de Higgs, e espérase que poida axudar a confirmar ou desestimar teorías de partículas como as teorías supersimétricas ou as teorías de tecnicolor. Púxose en funcionamento o 10 de setembro de 2008. Ten catro detectores principais, un deles é ALICE. Os outros, ATLAS, CMS e LHCb. O fluxo de datos producido é inmenso. Cabe dicir ó respecto que ATLAS e CMS producen uns 50 Tbytes de datos cada segundo. 

Hoxe en día o CERN é un modelo de colaboración científica internacional e un dos centros de investigación máis importantes do mundo. Hoxe en día conta con 20 estados membros, entre eles España, os cales comparten o financiamento e a toma de decisións da organización. 

Actualmente a directora é unha muller, por primeira vez, unha física de partículas italiana chamada Fabiola Gianotti.

Sitio web: home.cern/