Biblioteca

No IES de Curtis funciona Curtisbiblio: un espazo que ten como obxectivo contribuír de xeito eficaz ás tarefas do profesorado e do alumnado, ofrecendo materiais diversos, para traballar ou ler; tamén realiza actividades formativas propias.

Conta con máis de 13.000 fondos, distribuídos entre materiais impresos (libros relacionados coas diferentes materias que se cursan no centro, dicionarios e enciclopedias) e DVD (cine e documentais). Nela pódense tamén consultar xornais e revistas de perfil formativo (La Voz de Galicia, Nós, O Papagaio, National Geographic…). Entre estes fondos, inclúense sempre varios exemplares de lecturas obrigatorias e opcionais nas materias de linguas (entre 2 e 6, máis ou menos). Os fondos da biblioteca e a súa dispoñibilidade poden consultarse presencialmente ou na seguinte dirección: https://iescurtis.edubib.xunta.gal.

Ademais dunha zona de postos informáticos (7 ordenadores de mesa e 3 portátiles), e de mesas de traballo (cuns 55 postos), hai un lugar de lectura “informal”, con cadeiras de brazos, onde se pode ler ou consultar xornais e revistas de xeito máis cómodo.

O espazo está xestionado por profesorado e alumnado colaborador que se encargan do mantemento, a orde e o bo funcionamento diario deste lugar tan importante no IES (xestión de préstamos e devolucións, localización de títulos, suxestións de compra, cumprimento das normas e deseño actividades −formación de usuarios, concursos, exposicións, obradoiros de lectura…).

Todos os cursos se desenvolven as actividades do Club de Lectura Fendetestas, ao que pode pertencer o alumnado do centro atraído pola lectura e polo intercambio de opinións sobre os libros elixidos.

Desde a biblioteca xestiónanse os seguintes blogs:

A nosa conta de Instagram é a seguinte: @curtisbiblio

Club de Lectura Fendetestas

O Club de Lectura do IES de Curtis iniciou a súa andaina hai xa quince anos baixo o nome de Fendetestas. Ao longo destes cursos, alumnado de todos os niveis e profesorado de diferentes departamentos compartiron impresións sobre as obras lidas e desenvolveron actividades diversas
relacionadas coa promoción da lectura.

O Club de Lectura colabora estreitamente coa Biblioteca Escolar na determinación das liñas de actuación necesarias para fomentar os valores vinculados ao papel esencial da lectura como piar educativo básico. O obxectivo fundamental do Club é gozar do pracer de ler e intercambiar impresións á par que fomentar a socialización e integración. A educación transversal está presente na selección das lecturas que atenden a temas como o respecto á diversidade, os dereitos humanos, a promoción da igualdade, a valoración da multiculturalidade, a inclusividade…

Forma de organización e funcionamento

Os alumnos e alumnas que forman parte do Club organízanse en varios grupos (atendendo a idades e preferencias lectoras) coordinados por un profesor ou profesora. A participación é voluntaria, feito que determina que as reunións se desenvolvan fóra do horario de clases: nos recreos ou no mediodía dos luns.

As obras seleccionadas pertencen á literatura universal: galega, castelá, inglesa, portuguesa… Procúrase que a oferta de lecturas sexa plural, coa presenza de diferentes xéneros e formatos literarios e, asemade, dáse prioridade ás obras con traxectoria recoñecida sen esquecer as
novidades editoriais. Por outra parte, téntase recoller as suxestións e prestar especial atención aos centros de interese do alumnado.

Ademais da celebración de reunións periódicas para compartir impresións sobre as lecturas, desenvólvense actividades complementarias á lectura como a realización de vídeos con recensións ou booktrailers, presentacións, investigacións sobre países e costumes, encontros con escritores, proxección de longametraxes…

Préstase especial atención ás celebracións relacionadas co mundo da lectura e colabórase de xeito activo mediante a promoción e participación en actividades diversas. O alumnado que forma parte do Club participa cada curso nunha saída extraescolar exclusiva para os integrantes na que se promove o coñecemento do noso medio natural e cultural, poñéndoo en relación coa actividade lectora.

Blog: http://clubfendetestas.blogspot.com/
Instagram: @clubfendetestas

Curtis de cine

Dentro do espazo físico da nosa biblioteca ocupa un lugar significativo o cinema (contamos con máis de 700 DVD), ao que lle dedicamos tamén un blog pensado para os amantes desta magnífica arte, de dentro e de fóra do IES de Curtis: http://curtisdecine.blogspot.com/

A finalidade desta ferramenta é funcionar como escaparate dos fondos cinematográficos cos que contamos ao tempo que se ofrece información de interese sobre cada curta ou longametraxe dispoñible: carátula, director, ano da estrea, breve sinopse argumental, ficha técnica e, xeralmente, tráiler.

Calquera usuario pode acceder ao blog e alí atopará diferentes opcións de busca. Na pestana superior de PELÍCULAS, os filmes están ordenados segundo as datas de adquisición por parte do instituto, pero ao carón aparecen dúas pestanas máis que dan acceso á clasificación da nosa filmografía por DIRECTORES ou por TÍTULOS, seguindo a orde alfabética. Asemade, pódese tamén facer uso do buscador e da barra lateral dereita, onde aparece o número de filmes de cada
subxénero cinematográfico.

A utilidade pedagóxica deste recurso é indiscutible e iso confírmao o movemento de fondos aproveitados polo profesorado para reforzar contidos curriculares máis ou menos tranversais (Ciencias, Historia, Literatura, Filosofía, Valores Éticos, Linguas, labor nas titorías…). Ademais, sabemos que a ficción animada é tamén unha boa compañeira nos momentos de ocio e este feito, sumado ao anterior, lévanos a enriquecer cada curso a colección de DVD, tanto coa filmografía
que se está a facer dentro e fóra de España como co engrosamento do repertorio temático, buscando sempre satisfacer as suxestións e gustos da comunidade educativa.

Obviamente todos os títulos están a disposición dos usuarios e poden solicitar o seu préstamo na zona de xestión da biblioteca: estes fondos pódense ter durante dúas semanas.

E recordade: case todo está nos libros… pero non todo. A vida e o cinema gardan, posiblemente, ese anaquiño de coñecemento que non sempre se pode atopar nas follas impresas. E por iso  existe o blog curtisdecine: entrade e comprobádeo vós mesmos!

Encontro Literario con Arantza Portabales

O vindeiro luns 24 de marzo, dentro da Semana cultural do noso IES, a biblioteca abrirá as súas portas para recibir e charlar coa escritora Arantza Portabales. Alí, o alumnado de 1º de bacharelato poderá escoitar de primeira man a voz da escritora. Esta actividade...

Día das Escritoras e Día das bibliotecas

O pasado 24 de outubro celebramos o Día das Escritoras e o Día das Bibliotecas no IES de Curtis. Levouse a cabo un concurso que tivo como gañadores os seguintes equipos:   Equipo 4: Tassnim El Abbas e Antía Seijo Equipo 5: Lucas López e Mario Corral Equipo 17:...